Cordas dunha batea |
Alumnos e profesores do Instituto de
acuicultura noruegués de Frøya atópanse dende onte e ata o vindeiro día 29
deste mes de abril visitando institucións e empresas relacionadas coa acuicultura
da nosa Comunidade, para o que contaron co apoio do Instituto
Galego de Formación en Acuicultura (IGAFA), centro dependente da
Consellería do Medio Rural e do Mar.
O centro de formación da Illa de Arousa mantén
unha relación de colaboración co de Frøya e xa
ten recibido noutros anos a visita dos seus estudantes e profesorado.
Nesta ocasión colaborou na organización da estadía realizando un programa de
actividades no propio centro e xestionando visitas a empresas e institucións representativas
da acuicultura de Galicia. Pola súa parte, o centro noruegués colabora para que
o alumnado do IGAFA poida realizar prácticas de formación en empresas dese país.
Os dezanove estudantes e os tres profesores
visitantes coñecerán as instalacións do IGAFA, recibindo charlas formativas
sobre a acuicultura e a formación acuícola en Galicia e poderán coñecer a
produción de mexillón en bateas, empresas acuícolas, confrarías, centros públicos
de investigación, o INTECMAR (Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio
Mariño de Galicia) e o Consello Regulador do Mexillón.