A directora
de Turismo de Galicia, Nava Castro, presidiu hoxe o acto de entrega do XII
Premio Nacional de Gastronomía Tradicional Lola
Torres concedido pola Fundación Amigos de Galicia ao restaurante Can Roca
de Girona e que recolleu a súa dona, Montserrat Fontanet Serra.
O premio Lola Torres para Can Roca fallouse en
outono no marco da Festa do Marisco do Grove. A entrega celebrouse hoxe no
Centro Superior de Hostelería de Galicia. No acto interviñeron tamén Rafael
Mourelos Rodiño, en nome da familia de Lola Torres, o alcalde do Grove, Miguel
Ángel Pérez García, o presidente da Fundación Amigos de Galicia, Miguel Villar
Costoyas, así como a galardoada, Montserrat Fontanet Serra.
A directora
de Turismo manifestou o recoñecemento ao labor da galardoada
desta XII edición por unha vida dedicada “á hostalería e por ser o xerme do que
ten dado lugar ao que hoxe se considera o mellor restaurante do mundo, o dos
seus tres fillos: El Celler de Can Roca”. “O premio Lola Torres recoñece o
labor das persoas que dedican a vida ao traballo ben feito e á actitude
xenerosa e á cociña con respecto e cariño”, explicou Nava Castro.