Dende 2009 o volume de negocio das conservas de peixe con
certificación ecolóxica aumento en preto dun 97 %, pasando de máis de 115.000
euros no 2009 a máis de 3,5 millóns de euros no 2013. No eido do mar tamén
collen protagonismo os produtos da acuicultura e recolleita de algas, cun
volume de negocio que pasa de máis de 104.000 euros no 2012 a máis de 267.000
euros no 2013.
No que se refire á evolución concreta do último ano o volume
de negocio de vendas certificadas en ecolóxico medrou en máis dun 11%, ao pasar
de máis de 23 millóns de euros en 2012 a preto de 26 millóns de euros no 2013.
Tamén medrou a cifra de operadores, que pasou de 607 a 656, o que se traduce
nun incremento do 8%. A superficie inscrita no CRAEGA mantívose en termos
semellantes neste período.
En canto á evolución dos últimos 17 anos, a superficie
inscrita medrou de xeito substancial, pasando das algo máis de 13 hectáreas
inscritas ás máis de 15.600 de 2013. Este gran ascenso tamén se reflectiu nos
operadores (produtores e elaboradores) pasando de 11 a 656.
As cifras reflicten que a agricultura ecolóxica está en
pleno auxe e que medrou tanto en termos económicos como en termos de presenza.
Neste crecemento teñen un papel clave as exportacións, que supoñen a apertura
de novas oportunidades de negocio, pois os produtos da agricultura ecolóxica de
Galicia teñen cada vez máis aceptación nos mercados estranxeiros.