Porco celta rendible

A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana resalta o potencial do porco celta e a súa viabilidade económica en Galicia ao lembrar que a unica raza porcina autóctona foi sempre unha das bases da alimentación dos galegos, dando lugar “a unha gastronomía propia e peculiar” que se converteu nunha peza clave da economía e do fogar. A conselleira fixo estas declaracións na I I xornada informativa do Cochinillo Celta da Cañiza.

Rosa Quintana sinalou a importancia da recuperación, conservación e fomento desta especie, un labor levado a cabo pola Xunta e a asociación Asoporcel e que se transforma en proxectos con viabilidade económica. Un exemplo é a iniciativa levada a cabo polo GDR Condado-Paradanta, a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Petán e Asoporcel, que conseguiu unificar 1.500 parcelas de 88  propietarios para lograr un terreo de 90 hectáreas pechadas -nun perímetro de máis de doce quilómetros- xerando así a maior explotación extensiva de Galicia, con capacidade para 2.500 animais.

A conselleira gabou o éxito deste tipo de proxectos, non só porque supoñen o acondicionamento de instalacións para a explotación extensiva do porco celta senón porque conseguen “unha xestión responsable e solidaria co medio”. Un traballo que neste caso -engadiu- puxo en valor propiedades privadas da zona á vez que se recuperaba un ecosistema de masas frondosas, co fin de previr os incendios forestais.


A raza Porco Celta está incluída no Catálogo Oficial de Razas de Gando de España como raza autóctona española de protección especial. O pasado ano 2013 pechou cun total de 4.302 exemplares, repartidos nun total de 329 ganderías inscritas no Libro Xenealóxico da Raza Porcina Celta.