A Deputación de Pontevedra quere impulsar Rías Baixas como
marca de calidade turística de toda a provincia, integrando baixo este reclamo
tanto a oferta de costa como a de interior. Trátase de facerlle chegar aos
potenciais visitantes a riqueza das Rías Baixas en toda a súa amplitude,
incluíndo unha oferta moi variada e adaptada a practicamente as necesidades e
demandas de calquera perfil de turista.
Con esa idea traballarán xa os 28 bolseiros que traballarán
nos próximos meses nas oficinas de turismo de Baiona, Cambados, Cangas, O
Grove, A Guarda, Lalín, Nigrán, Sanxenxo, Redondela, Ribadumia, Tui, Vilagarcía
de Arousa, A Illa de Arousa, Bueu, Cuntis, Caldas de Reis, A Estrada, Gondomar,
Marín, Oia, Poio, Pontecaldelas, Soutomaior e Vilanova de Arousa.
Para facerlle máis doado o seu labor, hoxe comezaron unhas
xornadas de formación nas que obterán as claves necesarias para que, en
palabras do presidente da Deputación Rafael Louzán “a marca Rías Baixas sexa vista coma
referente de toda unha provincia”.
O obxectivo destas xornadas de formación, que se estenderán
ata o vindeiro mércores, é proporcionarlles aos bolseiros formación e criterios
básicos para que a información turística da provincia sexa homoxénea, obxectiva
e de calidade así como pautas que deberán seguir nas súas responsabilidades
como informadores turísticos.