Seguimento ao sector lácteo

A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, sinalou no Parlamento que a Xunta traballa no seguimento pormenorizado da actividade do lácteo para avanzar na xestión do mercado deste sector. Este seguimento realízase, dixo, “baseándonos non só nos parámetros relativos a prezos e volumes, senón tamén aos custes e marxes”. Neste sentido, a conselleira sinalou que proximamente se presentará ao sector unha nova web do observatorio lácteo galego que ten como obxectivo permitir un acceso máis doado a unha información máis completa para monitorizar a produción láctea.


Esta ferramenta unirase ao labor do observatorio europeo e do estatal e, segundo subliñou a titular de Medio Rural e Mar, “é o inicio dunha xeira de medidas que demandamos no eido da xestión de mercados e da protección de marxes” para tratar de frear os posibles efectos negativos da finalización das cotas lácteas para 2015. Na adopción destas medidas, dixo, é clave o seguimento da actividade. 

En relación á campaña láctea 2013/2014 -que rematou o 31 de marzo- Rosa Quintana lembrou que non existe risco de sobrepasamento da cota dispoñible a nivel do Estado, polo que “non existirán sancións económicas por exceso de produción”. Así se desprende, segundo indicou a conselleira, da estimación que figura no Informe mensual del régimen de tasa láctea do mes de febreiro, publicado recentemente polo Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA).