Axudas á apicultura

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a Orde da Consellería do Medio Rural e do Mar pola que se establece o réxime de axudas á apicultura e se convocan para o ano 2014. Estas axudas teñen por obxecto o fomento daquelas actividades destinadas a mellorar a produción e comercialización dos produtos da apicultura. A Consellería destina a estas axudas unha achega de 400.000 euros.

Poderán ser beneficiarios os titulares de explotacións apícolas ou cooperativas dedicadas a esta actividade, organizacións representativas e asociacións de apicultores inscritos no rexistro oficial apícola da Comunidade Autónoma con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2013.


Os solicitantes deberán dispoñer dun seguro de responsabilidade civil, ser titulares dunha explotación con máis de 50 colmeas, ter realizada a declaración censal anual referida ao ano 2013 e realizar polo menos un tratamento ao ano fronte a enfermidade da varroase. Entre os gastos subvencionables figuran actuacións como a asistencia técnica aos apicultores, a loita contra a varroase ou a racionalización da trashumancia.