A xornalista
francesa Béatrice D`Erceville, do semanario Tour
Hebdo, un dos medios de comunicación especializados en turismo máis influentes
de Francia, visita esta semana a Comunidade galega, nunha viaxe organizada por
Turismo de Galicia e a Oficina de Turismo de España en París, co obxecto de recadar
información sobre o máis salientable da oferta turística galega e realizar un
traballo xornalístico sobre o destino Galicia.
D`Erceville
chegou onte a Vigo procedente de París e, logo de realizar un tour turístico pola cidade olívica, realizará
unha visita ás Rías Baixas que a levará a coñecer o castelo de Soutomaior,
incluído na Ruta da Camelia, a cidade de Pontevedra e a súa ría, A Lanzada e o
Pazo da Saleta.
Para mañá
xoves está previsto que a xornalista visite A Toxa, Cambados, unha adega da
Denominación de Orixe Protexida Rías Baixas, así como a cidade de Santiago de
Compostela. O día 30 de
maio, Béatrice D`Erceville visitará o Pazo de Santa Cruz de Ribadulla, e logo
desprazarase ata A Estrada para coñecer o Pazo de Oca, ambos os dous incluídos
na Ruta da Camelia.
O sábado, 31
de maio a xornalista do semanario Tour
Hebdo estará na Coruña para coñecer os principais recursos da cidade
herculina. Logo,
trasladarase a Lugo onde visitará a Muralla e o Museo provincial, así como a
catedral e as rúas do centro da cidade.
Na súa viaxe
a Galicia, D`Erceville achegarase tamén á cidade de Ourense, para coñecer o seu
casco histórico e a oferta termal da cidade, así como a vila de Allariz, na que
ao longo destes días se celebra o Festival Internacional de Xardíns.
O día 2 de
xuño, a xornalista francesa visitará as comarcas do Carballiño e O Ribeiro: o
Mosteiro de San Clodio, o Castro de San Cibrán de Las e unha adega da
Denominación de Orixe Protexida Ribeiro. Por último,
xa o día 3 de xuño, Béatrice D`Erceville achegarase a Tui, A Guarda e Baiona,
con visitas ao Monte de Santa Tegra e ao recinto fortificado de Monterreal e o
centro histórico de Baiona.