Come o mar en xuño

A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, destacou que a conxunción da oferta turística da nosa Comunidade coa gastronomía galega é un binomio difícil de superar, que se converte nun motor importante da economía de Galicia. Así o sinalou durante a presentación da IV edición de “Come o Mar”, unha iniciativa conxunta de todos os Grupos de Acción Costeira, unidos baixo a marca de Turismo Mariñeiro de Mar Galaica.

Neste senso, a Consellería potencia a dinamización e diversificación das estruturas socioeconómicas das áreas ribeirás mediante achegas aos GACs. Así, o Diario Oficial de Galicia acaba de publicar o crédito destinado por Medio Rural e Mar para axudas a proxectos dos GACs na convocatoria de 2014, que ascende a un total de 10,3 millóns de euros.

A través do programa “Come o mar” numerosos establecementos e entidades ofertarán durante as fins de semana do vindeiro mes de xuño menús degustación, rutas de tapas, actividades mariñeiras e paquetes turísticos. A iniciativa tamén inclúe a divulgación da historia e tradición da cultura mariñeira a través de diferentes propostas das vilas costeiras.