O campo de golf de Mondariz Balneario acollerá ata mañá, 30
de maio, a V edición do Torneo de golf Peregrinación, un evento deportivo
patrocinado por Turismo de Galicia para promocionar a práctica deste deporte na
comunidade galega.
Neste torneo, que está enfocado ao público sénior,
participan 210 golfistas da Asociación Española de Seniors de Golf, AESGOLF,
procedentes de España e Portugal, que ademais de competir neste evento poderá
gozar da oferta turística galega.
Así, como actividades complementarias, están previstas unha
visita ao Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia,
unha travesía en goleta, a visita á vila de Baiona e un almorzo degustación con
produtos senlleiros da gastronomía galega.
Os obxectivos da organización deste torneo pasan por
conseguir o recoñecemento do evento no calendario das probas de golf sénior no
ámbito internacional. Deste xeito, este ano, a organización tivo que pechar o
período de inscricións con antelación, xa que a cota de participantes foi
cuberta con moita antelación.
Outro dos obxectivos deste torneo é dar a coñecer a oferta
turística de Galicia, sobre todo nos ámbitos cultural, da natureza e da
gastronomía, dentro dun segmento de público con idades superiores aos 50 anos.