Máis ruido que noces

Rafael Louzán
O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, destacou esta mañá en Sanxenxo a capacidade do sector turístico de adaptarse aos novos tempos e amosouse convencido de que non só é un “dos sectores máis potentes da provincia e que mellor está sabendo resistir a crise económica” senón que “tamén vai marcar o camiño da recuperación”.

Louzán fixo estas declaracións no acto de inauguración do III Foro Turismo de Sanxenxo, onde reiterou a capacidade de crecemento das Rías Baixas como destino turístico, dado que reúne todas as condicións necesarias para dar resposta ás novas tendencias do mercado e ás novas demandas do turista.

Un turista, dixo, “que non busca tanto ver como vivir, non busca tanto descansar como disfrutar, non busca tanto viaxar como coñecer”, polo que se “as Rías Baixas teñen moito que ofrecer ao tradicional turista de sol e praia, moito máis aínda poderá ofrecer a ese novo turista que busca experiencias e vivencias”.


Así, lembrou que a provincia de Pontevedra ten que ser quen de posicionarse no mercado como un “destino turístico integral e completo” no que, baixo a marca Rías Baixas, se ofreza ao posible visitante unha amplísima oferta de costa e interior na que, a moi poucos quilómetros de distancia, pode atopar múltiples atractivos:  culturais, etnográficos, gastronómicos, deportivos, paisaxísticos, termais, artísticos, arquitectónicos…