Medio Rural e Mar destina unha decena de millóns de euros aos GACs

A Consellería do Medio Rural e do Mar destina 10,3 millóns de euros a axudas para proxectos dos Grupos de Acción Costeira na convocatoria de 2014. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica unha Orde pola que se fixa o orzamento destas achegas. O prazo de presentación de solicitudes estivo aberto durante todo o período do programa operativo dende a posta en marcha dos GACs, sendo a data límite o 31 de marzo de 2014. Nesta última convocatoria deste período do Programa operativo 2007-2013 resolveranse os novos proxectos presentados ata esa data.

Nesta convocatoria 2014 os GACs propuxeron un total de 138 novos proxectos dos que 88 son produtivos (de orientación profesional ou empresarial) e 50 non produtivos (aqueles que teñen como elemento determinante a súa rendibilidade social). Dende a primeira convocatoria no ano 2010 foron concedidas axudas a 324 proxectos dos GACs e o importe total das axudas concedidas  supera os 17,5 millóns de euros. 

A través destas axudas, cofinanciadas co Fondo Europeo da Pesca, búscase, entre outros aspectos, financiar proxectos de desenvolvemento que teñan como obxectivo consolidar a competitividade das zonas de pesca e reestruturar e reorientar as actividades económicas, en particular a través da promoción do turismo ecolóxico.

Os 7 Grupos de Acción Costeira de Galicia foron recoñecidos no 2009, ano no que tamén se aprobaron os seus correspondentes plans estratéxicos zonais (PEZ). Os primeiros proxectos ao abeiro dos plans mencionados foron subvencionados no ano 2010 e o número de proxectos foi aumentando co desenvolvemento das actividades de dinamización do eixo 4.


A función destes grupos é levar á práctica as medidas destinadas a axudar o desenvolvemento sustentable das zonas da pesca, enmarcadas na estratexia de desenvolvemento local integrado do eixo 4 do Fondo Europeo da Pesca.