O sector cárnico galego da emprego a preto de 9000 persoas

O sector cárnico en Galicia, que abarca máis de 600 empresas, dá emprego a preto de 9.000 persoas e factura uns 1.400 millóns de euros anuais. Dentro da cadea deste sector, a fase de produción é a que ten maior peso e está concentrada principalmente nas provincias de Lugo e A Coruña. Estas cifras foron facilitadas pola directora xeral de Produción Agropecuaria, Patricia Ulloa, na inauguración da Xornada Técnica de Calidade no sector cárnico, que se está a celbrar en San Cibrao das Viñas.

A directora xeral sinalou que é necesario difundir a imaxe de calidade asociada á carne galega, xa que “as propiedades que son percibidas como un atributo de diferenciación para o consumidor interno, non adquiren a relevancia que se merecen no exterior de Galicia”. Neste contexto, subliñou Patricia Ulloa, móstrase decisivo o apoio do Centro Tecnolóxico da Carne ao impulso á I+D+i. Este centro xa ten levado a cabo proxectos de investigación para a innovación en produtos e procesos, en materia de caracterización deses produtos ou proxectos para incrementar o valor engadido na cadea de transformación.


Este escenario de innovación e o entorno que cada día está máis globalizado require de sistemas de control de trazabilidade e seguridade alimentaria complexos e, neste eido, Patricia Ulloa destacou a importancia da futura Norma estatal de Calidade de Derivados Cárnicos. Este documento derrogará todas as normas de calidade dos produtos cárnicos existentes ata o momento, o que “contribuirá á simplificación e á actualización da nosa lexislación, aportando claridade e permitindo unha industria máis competitiva”.