A Deputación de Pontevedra saca a concurso o restaurante do Museo

A xunta de goberno da Deputación de Pontevedra aprobou hoxe o prego de condicións para sacar a licitación pública o restaurante, que levará o nome de Miliarium e a cafetería do Museo de Pontevedra. Unha vez que se publique no Boletín Provincial, os interesados disporán de 60 días para formular as súas propostas.

Despois da semana de portas abertas na que 50 empresarios do sector da Hostelería e a Restauración visitaron as instalacións do futuro restaurante do Museo, e unha vez recollidas as súas suxerencias, hoxe o goberno provincial aprobou o citado prego para sacalo canto antes a licitación pública.

Unha vez se adxudique o restaurante, cafetería e gastro-bar, a Deputación destinará 80.000 euros ao amoblamento da cociña. A concesión será por 5 anos prorrogables outros 5, pero poderase extinguir aos 3 anos se o adxudicatario non consigue a Q de calidade. Búscase que o restaurante sexa acorde ao Museo, e de aí que se esixa un mínimo de calidade que de non acadarse, revocaría a concesión.


O canon de explotación a favor da Deputación fíxase nun mínimo do 5% sobre os ingresos brutos de cada exercicio e, en todo caso, nunca poderá ser inferior aos 10.909 € / ano, que equivale ao 3% do valor catastral das instalacións (fixado en 363.650 euros). A empresa que resulte adxudicataria deberá acreditar solvencia económica, financieira e profesional.