O titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, presidiu en
Hamburgo a presentación do plan Turismo de Galicia a bordo do buque escola Juan
Sebastián de Elcano, destacando o Camiño de Santiago, o termalismo, a
enogastronomía ou a industria do mar como principais activos cos que conta a
nosa terra para atraer cada ano a milleiros de visitantes.
O Camiño de Santiago, que foi declarado pola Unesco como
Patrimonio da Humanidade en 1993 e como Primeiro Itinerario Cultural Europeo en
1987, é o eixe vertebrador do sector turístico galego e nel Galicia atopa unha
fiestra aberta ao mundo.
Esta ruta milenaria trae ata a nosa terra peregrinos de máis
de 150 nacionalidades e é precisamente Alemaña o país do que procede a maior
parte deles. De feito, o ano pasado recolleron a Compostela máis de 16.200
alemáns, que supuxeron o 7,5 por cento do total de persoas que en 2013
percorreron o Camiño, e este ano chegaron a Galicia xa máis de 6.500 viaxeiros
orixinarios deste país.
Ademais do Camiño de Santiago, cómpre salientar que o magnetismo
da comunidade radica tamén na súa poderosa riqueza natural, posto que conta con
máis de 1.600 quilómetros de costa con numerosas praias en enclaves
privilexiados que acaparan o maior número de bandeiras azuis de toda España.
Galicia é recoñecida pola calidade das súas augas
mineromedicinais, con máis de 300 captacións catalogadas e unha oferta de
balnearios que supera a vintena. Tamén conta cunha inmellorable materia prima
do sector agroalimentario, que integra cinco denominacións de orixe
vitivinícolas: Rías Baixas, Ribeiro, Ribeira Sacra, Monterrei e Valdeorras.
Ademais de celebrar 300 festas de exaltación dos nosos produtos típicos, 48
delas, declaradas de interese turístico.
Neste contexto, a gastronomía galega é unha marca de
calidade que se traslada aos nosos restaurantes, contando actualmente con 11
establecementos recoñecidos coa Estrela Michelín.
Con este acto, o Goberno galego quere tender unha ponte con
Alemaña para que a confianza que trouxo ata a nosa comunidade aos máis de
97.000 viaxeiros que nos visitaron o pasado ano, se estenda neste país a moitas
persoas máis.