Galicia contará por primeira vez cun Plan director e
estratéxico do Camiño de Santiago para revitalizar, promocionar e promover o
estudo e a investigación das rutas xacobeas. A infraestrutura, o patrimonio e o
legado inmaterial do Camiño de Santiago, así como as accións que se van
desenvolver para preservalo e para implicar os diferentes axentes que
interactúan na Ruta Xacobea figurarán no documento, que se dividirá nun Plan
director e mais nun Plan estratéxico.
Este documento se
converterá na “folla de ruta para revitalizar, promocionar e promover os
camiños de cara ao próximo Xacobeo 2021”, segundo avanzou o presidente da
Xunta. O responsable do Goberno autonómico destacou entre as principais razóns
para levar a cabo esta iniciativa a motivación de sacar o máximo proveito ao
potencial do Camiño, e o obxectivo de reducir as debilidades que se teñen
detectado para poder facelo.
O Camiño de Santiago continúa a rexistrar cifras de
afluencia superiores ás do ano pasado no mesmo período. Así, entre xaneiro e
maio de 2014 recolleron a Compostela na Oficina de Acollida ao Peregrino un
total de 49.728 peregrinos, un 7,74% máis que nos primeiros cinco meses do ano
pasado. O 60,95% dos peregrinos recibidos nese período son estranxeiros.