San Froilán xa ten cartel

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, deu a coñecer hoxe o cartel anunciador do San Froilán 2014, logo da reunión que celebrou o xurado do certame esta mañá na Casa do Concello.

A obra gañadora do Premio de Deseño Gráfico San Froilán 2014 foi presentada co lema “Te faltarán manos” e o seu autor é Cristóbal Aguiló Domínguez, de Alcantarilla (Murcia).

O gañador do concurso, ademais de ter a honra de ser o autor do cartel que se repartirá por toda España, contará cun premio económico que ascende a 2.000 euros.

Os membros do xurado destacaron, entre outros aspectos, que o deseño gañador é divertido e lúdico, conecta moi ben coa xuventude e reflicte todos os elementos característicos do San Froilán.


O motivo predominante nos carteis presentados foi o polbo, xunto coa Muralla e San Froilán. En total presentáronse 39 traballos ó certame convocado polo Concello para elexir o cartel anunciador das festas de San Froilán 2014.