Subvencións para Municipios Turísticos da Comunidade

Turismo de Galicia concedeu, a través da orde de subvencións dirixida aos Municipios Turísticos da Comunidade, axudas a concellos que contan con esta declaración para a contratación de persoal que reforce o servizo das oficinas de información turística. Un total de 35 Municipios Turísticos das catro provincias galegas contarán con este servizo a maiores grazas á orde de axudas de Turismo de Galicia dotada con 175.000 euros.

Así, 43 traballadores serán contratados durante os meses de maior afluencia turística para mellorar o servizo de información que se ofrece nos municipios e para reforzar a imaxe turística dos mesmos así como da comunidade.

O Plan Integral de Turismo de Galicia recolle na liña estratéxica 6, orientada a promover o consenso e a cooperación entre o sector público e privado para un marco eficiente e xerador de oportunidades, unha acción destinada a impulsar o desenvolvemento dos destinos a través da creación dunha rede de técnicos de Municipios Turísticos para o fortalecemento dos municipios como destinos turísticos.


Así, nesta acción inclúense medidas como o deseño dunha estratexia para a dinamización dos municipios turísticos con vocación sostible e enfocada á creación de destinos intelixentes; o desenvolvemento de campañas promocionais dos municipios de cara á desestacionalización; o establecemento dun Sistema Estandarizado de Recollida de Información para Estudos de Mercado turísticos, a través de enquisas a visitantes e empresas do sector turístico dos municipios así coma o seguimento de indicadores clave.