Turismo de Galicia colabora coa Festa do Albariño de Cambados

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro e mais o alcalde de Cambados, Luis Aragunde asinaron hoxe en Pontevedra o convenio de colaboración para a celebración da edición 2014 da Festa do Albariño. Esta acción promocional enmárcase no Plan Integral de Turismo e na estratexia de promoción das festas de interese turístico.

Nava Castro incidiu en que a Festa do Viño do Albariño é unha celebración que enxalza o traballo realizado por produtores e colleiteiros da D.O. Rías Baixas durante todo o ano e unha festa que promociona o turismo enogastronómico fóra das nosas fronteiras pola gran importancia e repercusión que está a acadar. En definitiva, a Festa do Viño do Albariño é un importante reclamo turístico que combina a enoloxía coa gastronomía cun amplo programa de actividades que a converte “nunha cita ineludible no calendario festivo galego”.


A exaltación do Viño do Albariño foi declarada Festa de Interese Turístico Nacional no ano 1990, distinción que comparte con once festas máis, diseminadas por todo o territorio galego. Este ano, Cambados acollerá a LXII edición da festa entre os días 30 de xullo e 3 de agosto. Segundo explicou a directora de Turismo, as festas son un símbolo da nosa identidade e “constitúen un recurso turístico máis, integran aos visitantes na vida dos territorios e amosan a mellor cara dos pobos e das xentes”.