Unha
delegación da multinacional xaponesa AEON, o maior distribuidor comercial
minorista de Asia, visitará durante mércores e xoves distintas empresas galegas
para satisfacer o interese que a empresa xa amosou pola calidade dos produtos
agroalimentarios galegos durante a recente visita do presidente da Xunta a
Xapón.
A Xunta
destaca esta viaxe como unha oportunidade única para a industria
agroalimentaria de Galicia, xa que o grupo posúe case 20.000 establecementos
repartidos desde Xapón a Australia, e factura 41.000 millóns de euros anuais.
A visita
comezará mañá mércores ás 6:30 da mañá cunha visita á lonxa de Vigo, e incluirá
varios encontros con empresas galegas do sector, tanto
cárnicas como agrícolas e da industria pesqueira. A axenda inclúe un
show cooking nun restaurante, ao que seguirá
un encontro na Xunta cos conselleiros de Economía e Industria, Francisco Conde,
e de Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana.
Por último, a delegación xaponesa reunirase o xoves con representantes de conserveiras galegas. O interese da compañía pode
supoñer un impulso para abrir o mercado galego ao xaponés, a terceira economía
do mundo. Á convicción dos beneficios que eses lazos comerciais suporían para
Galicia respondeu a viaxe a Xapón que, en xuño, fixeron o presidente da Xunta e
o conselleiro de Economía e Industria. Unha visita que xa está comezando a dar
os seus froitos con esta visita dos responsables de AEON.