Axudas para colectivos mariñeiros

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe unha Orde da Consellería do Medio Rural e do Mar pola que se convocan para 2014 as axudas á realización de proxectos colectivos para a xestión de zonas de produción, conservación, protección e sustentabilidade da explotación dos recursos mariños. A través delas, o departamento dirixido por Rosa Quintana destina a esta convocatoria 3,2 millóns de euros, cofinanciados polo Fondo Europeo da Pesca. Os importes consignados para esta convocatoria, poderán ser ampliados en función das dispoñibilidades orzamentarias sen que iso dea lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes.

Poderán beneficiarse desta liña de axudas as confrarías de pescadores e as súas federacións, as asociacións de profesionais do sector, as organizacións de produtores, as cooperativas do mar e toda entidade asociativa xurídicamente recoñecida e constituída por profesionais do sector, sempre e cando desenvolva a súa actividade profesional no sector pesqueiro, marisqueiro e da acuicultura e teña a súa sede social na Comunidade Autónoma de Galicia.

O obxecto destas axudas é mellorar as condicións de vida e traballo das persoas que se dedican a esta actividade e que contribúen á conservación do medio mariño e as súas especies. Neste sentido, as achegas permitirán sustentar a xestión de zonas de producción para a implantación de técnicas de semicultivo, a elaboración de plans de explotación e de proxectos de rexeneración.


Os interesados en solicitar estas achegas poderán consultar os requisitos e documentación necesaria no DOG de hoxe. Para a convocatoria de 2014, o prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado dende mañá. As solicitudes poderán presentarse por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na Sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo: https://sede.xunta.es ou tamén de xeito presencial en papel.