Casa do Chocolate en Parada de Sil

O Consello da Xunta autorizou a subscrición do convenio de colaboración entre a Axencia Turismo de Galicia e o Concello de Parada de Sil cuxo obxecto é a execución do proxecto de recuperación da Fábrica de Chocolates Casares. Esta fábrica de chocolate funcionou durante o século XX e o obxectivo é convertela na futura ‘Casa do Chocolate’ e que funcione como museo para a promoción e divulgación dos recursos turísticos do Concello de Parada de Sil.

No museo ofrecerase un percorrido pola industria chocolateira do concello e a súa influencia na historia deste. Nas súas salas poderase amosar a maquinaria, os utensilios e os obxectos relacionados coa súa historia e o seu proceso de produción. A nova infraestrutura potenciará as posibilidades turísticas deste concello enclavado na Ribeira Sacra e difundirá os recursos da zona vinculados coa industria.


A Ribeira Sacra está a experimentar unha suba constante na cifra de viaxeiros e noites rexistradas nos establecementos hoteleiros da zona. Así, segundo os últimos datos feitos públicos polo Instituto Nacional de Estatística, os viaxeiros medraron en maio de 2014 un 25,2% respecto de maio do ano pasado e a cifra de noites rexistradas superou nun 31,8% as rexistradas no mesmo mes de 2013.