Máis de 6.000 persoas visitaron xa a mostra Peregrino e novo Apóstolo. San Francisco no
Camiño de Santiago que abriu as súas portas o 20 de xuño e que está a
rexistrar unha elevadísima afluencia de público. A exposición foi a encargada
de abrir en Asís os actos conmemorativos
do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago de
Compostela o pasado mes de agosto. Alí recibiu durante o seu período de
apertura máis de 7.000 visitas. No Colexio de Fonseca rexistrou 6.000 entradas
en menos dun mes.
A gran calidade das obras que compoñen a
mostra, entre as que se atopan obras de Salzillo, El Greco ou Zurbarán poderá
ser apreciada ata o día 24 de agosto neste proxecto expositivo que está
concibido para visibilizar a herdanza franciscana que pervive en Compostela e
que evoca o espírito peregrino das cidades de Santiago de Compostela e Asís. A
exposición pode visitarse entre as 11 da mañá e as 14 horas e tamén entre as
cinco e as nove da tarde.
Os capítulos da mostra contan con obras de
arte de primeiro nivel como cadros de El Greco e Zurbarán, esculturas de
Salzillo, Xosé Ferreiro e Salvador Carmona. Pezas medievais da época do santo,
procedentes de Inglaterra, Francia, Italia, Terra Santa, Al Andalus e Galicia
completan a exposición. Son obras de escultura, ourivería, restos de
arquitecturas, telas, instrumentos musicais, relicarios, incunables das
bibliotecas franciscanas. Algúns exemplos das obras que se poden visitar son un
Códice de finais do século XIII- comezos do XIV da Biblioteca do Seminario de
Mondoñedo; unha arqueta de Santa Valeria, do obradoiro de Limoges; o cadro de
Francisco Zurbarán, San Francisco en Oración. Así como San Francisco e o Irmán
León meditando sobre a morte, unha obra de El Greco que se conserva na
Fundación do Colexio Nosa Señora da Antigua de Monforte de Lemos. Así como unha
virxe co neno e San Francisco, procedente da Porta de San Rufino de Asís, da
Pinacoteca Comunale, Palazzo Vallemani, entre outras pezas.