G Alicia...no país das maravillas

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, resaltou esta mañá nunha entrevista realizada na Radio Galega as potencialidades do destino Galicia para atraer a turistas internacionais a través da diferenciación e a calidade que caracteriza a oferta turística galega.

Segundo explicou Nava Castro, Galicia rexistrou en maio un incremento do 33,1% na cifra de viaxeiros  aloxados en establecementos extrahoteleiros da comunidade e un aumento na cifra de pernoitas rexistradas neste tipo de establecementos do 21,6%. No conxunto da oferta regrada, a cifra de viaxeiros en maio situouse nos 370 mil, un 14,4% máis que en maio do ano pasado e a cifra de pernoitas subiu un 9,9%. Este volume de viaxeiros aloxados en maio en regrado supón o máximo histórico nun ano non Santo.

Ao tempo, destacou que esta suba de viaxeiros e de pernoitas en Galicia no conxunto dos establecementos regrados supera á rexistrada no conxunto do Estado, onde tamén medraron os viaxeiros un 5,4% e as pernoitas un 1,9%.

No conxunto da oferta regrada en Galicia, o turismo nacional subiu en maio a respecto de maio de 2013 un 3,6% e o internacional, un 25,5%, no tocante ás pernoitas rexistradas.


A directora de Turismo destacou a suba do turismo internacional na comunidade. Segundo apuntou, o turismo internacional acada en maio en Galicia máximos históricos, tanto en volume con preto de 143 mil viaxeiros e 214 mil pernoitas, como de peso no conxunto da demanda, co 32,7% das pernoitas e o 38,6% dos viaxeiros aloxados.