Durante os días 08, 09 e 10 de agosto, na localidade de
Verín terá lugar a celebración da IX Feira do Viño de Monterrei, organizada
polo Concello de Verín e o Consello Regulador da Denominación de Orixe
Monterrei, coa colaboración do PCT Puertas de Galicia, Eurocidade Chaves-Verín
AECT e o concello de Vilardevós.
A Feira será inaugurada o venres 08 de agosto, ás 20 horas,
por parte do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo e a partir
das 21.30 horas procederase á imposición de medallas aos catro novos membros da
Confradía dos Viños de Monterrei, todos eles personaxes destacados pola súa
contribución á mellora e evolución dos viños desta denominación.
Ademais durante as tres xornadas da IX Feira do Viño de
Monterrei, dez restaurantes da comarca (Lugano, San Roque, O Augueiro, O
Castelo, O Candil, Casa Zapatillas, O Souto das Candeas, Brasil, Casa Manola e
Parador de Verín) ofertarán menús especiais da Feira do Viño con prezos que
oscilan entre os 15 e 22,50 euros, co obxecto de que os/as visitan que se
acerquen ata Verín coñezan tamén os produtos máis característicos e
significativos da gastronomía desta comarca. Por outra banda, desde o Plan de
Competitividade Turística Puertas de Galicia promoveranse paquetes turísticos
para grupos durante a fin de semana, que inclúen diferentes propostas de ocio e
culturais na zona, coa fin de incentivar unha maior participación do público
nesta novena edición da feira.
Na Feira, na que participarán dez adegas (Ladairo, Gargalo,
Crego e Monaguillo, Quinta do Buble, Terras do Cigarrón, Triay, Boo Rivero, Vía
Arxéntea, Abeledos e Tabú), os/as visitantes poderán degustar viños a uns
prezos moi populares, por seis euros terán dereito a un cataviños máis 5
degustacións, por catro euros 5 degustacións e por 6 euros poderán adquirir
unha botella dos viños da D.O. Monterrei.
O horario de apertura da Feira será o venres de 19.00 a 24.00 horas, o
sábado de 11.30 a 14.30 h e de 19.00 a 24.00 h, e o domingo de 11.30 a 14.30 h.
e de 19.00 a 23.00 h.