
O chef Iñaki Bretal amosou o uso do Pemento do Couto e o
Tomate Negro de Santiago como ingredientes exclusivos da cociña tradicional e
de vangarda cun Showcooking denominado “Horta de Narón”, no que se
representou a través dunha orixinal
composición culinaria toda a riqueza deste agro da comarca ferrolá e na que o
pemento e o tomate negro acadaron todo o protagonismo.
A Cooperativa produce dende hai anos o Pemento do Couto,
unha hortaliza xa consolidada na mercado, que conta coa Indicación Xeográfica
Protexida e que se caracteriza polo seu excelente sabor e propiedades, entre
elas, a súa docura e que non pica. Na campaña deste ano, que vai desde xunio a
outubre, a entidade espera comercializar uns 140.000 paquetes de pementos de
400 gramos cada un.