En materia turística, como na noite electoral: Todos gañan

Galicia rexistrou o pasado mes de xullo un incremento dun 5,9% do volume de viaxeiros aloxados nos establecementos regrados da comunidade en relación ao mesmo mes do ano anterior, acadando un máximo histórico para un ano non xacobeo, cun total de 551.288 persoas aloxadas. Tamén medraron as pernoitas nun 3,8%, ao contabilizarse 1.287.501 durmidas no conxunto da comunidade autónoma.

Este comportamento positivo da demanda regrada deste mes de xullo engádese aos datos rexistrados no pasado ano 2013, cando a cifra de viaxeiros subía nun 8,8% e as pernoitas en preto do 3%.

No ámbito estatal obsérvase unha suba no volume de viaxeiros aloxados nun 2%. En termos de viaxeiros aloxados, Galicia sitúase no grupo das comunidades con maior intensidade de crecemento en relación ao pasado ano, só por detrás de Madrid e Canarias.


O incremento da demanda prodúcese polo bo comportamento do turismo nacional e internacional. O mercado nacional sobe un 2,6% mentres que o internacional medra nun 9,7%, porcentaxes referidas ás pernoitas.