Máis tránsito na Ría de Muros

Os portos de titularidade autonómica da ría de Noia recibiron 265 barcos en tránsito durante o pasado mes de xullo. Así o comunicou esta mañá o presidente do ente público responsable da xestión destas infraestruturas, Portos de Galicia, José Juan Durán, nunha visita á dársena deportiva de Portosín, que experimentou a maior subida interanual.

Segundo datos facilitados polos propios xestores, as dársenas de Portosín e Muros incrementaron nun 46% o número de embarcacións en tránsito respecto ao mesmo periodo do ano anterior. En concreto, Portosín experimentou a maior subida, de máis do 200% ao pasar de 26 a 80 barcos foráneos. Polo que respecta a Muros, os tránsitos do mes de xullo pasaron de 155 en 2013 a 185 este ano.


Deste xeito, a ría de Muros e Noia confirma a consolidación desta actividade portuaria que experimentara xa o pasado ano un importante ascenso e que no que vai de verán está a manter os bos resultados. Non en van, o conxunto dos peiraos autonómicos de Galicia superaron no mes de xullo os 2000 tránsitos, un 10% máis que o ano pasado. Polo que respecta ás procedencias das embarcacións en tránsito, maioritariamente foron estranxeiras, sobre todo británicas e francesas.