Os
portos de titularidade autonómica da ría de Noia recibiron 265 barcos en
tránsito durante o pasado mes de xullo. Así o comunicou esta mañá o presidente
do ente público responsable da xestión destas infraestruturas, Portos de
Galicia, José Juan Durán, nunha visita á dársena deportiva de Portosín, que
experimentou a maior subida interanual.
Segundo
datos facilitados polos propios xestores, as dársenas de Portosín e Muros
incrementaron nun 46% o número de embarcacións en tránsito respecto ao mesmo
periodo do ano anterior. En concreto, Portosín experimentou a maior subida, de
máis do 200% ao pasar de 26 a 80 barcos foráneos. Polo que respecta a Muros, os
tránsitos do mes de xullo pasaron de 155 en 2013 a 185 este ano.
Deste
xeito, a ría de Muros e Noia confirma a consolidación desta actividade
portuaria que experimentara xa o pasado ano un importante ascenso e que no que
vai de verán está a manter os bos resultados. Non en van, o conxunto dos
peiraos autonómicos de Galicia superaron no mes de xullo os 2000 tránsitos, un
10% máis que o ano pasado. Polo que respecta ás procedencias das embarcacións
en tránsito, maioritariamente foron estranxeiras, sobre todo británicas e
francesas.