A directora
de Turismo de Galicia, Nava Castro, que hoxe presentou xunto ao alcalde de
Santiago, Agustín Hernández, os actos do remate da 69 edición da Vuelta
Ciclista a España en Compostela, salientou a unión entre peregrinos e ciclistas
no final do Camiño, “onde o triunfo e a superación serán valores que imperen na
culminación do percorrido”.
Nava Castro
manifestou que “por un só día, os peregrinos compartirán a meta do Camiño de
Santiago con outros triunfadores” e, para festexar este acontecemento tan senlleiro,
“temos preparado un evento dun final de Vuelta moi especial na propia Praza do
Obradoiro”.
Segundo
anunciou a directora de Turismo de Galicia, neste evento terán un protagonismo
moi especial as mascotas peregrinas da Vuelta, Cami e Xaco, e haberá “festa
para todos os participantes, seguidores, peregrinos, turistas e cidadáns”, en
definitiva –engadiu- “para todos aqueles que queiran celebrar con nós o final
da 69 edición da Vuelta Ciclista a España Provincia de Cádiz-Santiago de
Compostela. O Final do Camiño”.
Para Nava
Castro, con esta gran final, Galicia repetirá o seu grande protagonismo “despois
de que na pasada edición sorprenderamos a todos os afeccionados e espectadores
do ciclismo coa organización da saída dende unha batea”.