Agosto marca un teito turístico histórico en Galicia

O mes de agosto marcou  un máximo histórico en Galicia ao rexistrar preto de 780.000 viaxeiros no conxunto da comunidade, superando, así, os niveis dos anos santos 2004 e 2010. Tal circunstancia produciuse tamén en particular nos establecementos hoteleiros e nos apartamentos turísticos. Nestes últimos, ademais, rexistrouse un máximo histórico de pernoitas consolidando a tendencia positiva que se vén rexistrando nos últimos dez anos.

Os establecementos turísticos regrados de Galicia rexistraron neste mes un incremento do 6,7% no volume de viaxeiros e dun 3,8% nas pernoitas. Este comportamento positivo da demanda regrada sitúa os niveis deste ano nos máis elevados dos últimos tres, recuperándose así parte da demanda perdida nos anos centrais da crise económica.

A nivel estatal obsérvase igualmente unha mellora dos niveis de demanda regrada, con crecementos do 5,1% na cifra de viaxeiros aloxados e do 3.2% nas pernoitas. En termos de viaxeiros, o crecemento de Galicia superou nun 1,6 puntos porcentuais o rexistrado a nivel estatal.


En agosto o 70,2% da demanda turística regrada corresponde aos establecementos hoteleiros porcentaxe que inclúe tanto aos hoteis –que representan o 54,4%- como ás pensións –co 15,8% neste caso-. O 30% restante sitúase no segmento extrahoteleiro, que reúne os apartamentos turísticos –4,8% da demanda total-, os cámpings –co 20,5%- e aos establecementos de turismo rural –que supoñen o 4,5% -.