Biospain, o encontro biotecnolóxico máis
importante de Europa e o terceiro do mundo, celébrase este ano en Santiago de
Compostela entre o 24 e o 26 de setembro. Esta edición quere aproveitar a
singularidade do Camiño de Santiago e, días antes da súa execución, celebrarase
unha marcha baixo o nome de ‘Xacobio’.
Deste modo, un grupo de participantes,
xornalistas e bloggers de Biospain 2014 percorrerán un tramo do Camiño
Portugués os días 21, 22 e 23 de setembro. A iniciativa conta coa colaboración
de Turismo de Galicia, que acompañará os peregrinos durante a última etapa que
partirá de Cesures, o martes 23 de setembro, para alcanzar a meta, Santiago de
Compostela.
Este grupo únese aos 177.086 peregrinos que
percorreron xa o Camiño de Santiago no que vai de ano, un 9,55% máis que no ano
2013.
O encontro internacional de biotecnoloxía, que
está organizado por Asebio (Asociación Española de Bioempresas), realízase cada
dous anos nunha cidade española. Tras unha loita con catro candidaturas moi
potentes, finalmente Santiago de Compostela foi a elixida por "o forte
compromiso de todo o Goberno galego", segundo afirmou Regina Revilla,
presidenta de Asebio.