Turismo de Galicia e mais a Universidade de Santiago de Compostela asinarán un convenio de colaboración plurianual, enmarcado e cumprindo as directrices do Plan de turismo termal, para o desenvolvemento da Cátedra Institucional de Hidroloxía Médica
.
Así, o Consello da Xunta aprobou hoxe o acordo polo que se autoriza a subscrición do dito convenio que terá un importe total de 60.000 euros. O obxecto do convenio é regular as bases de colaboración entre Turismo de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela para o axeitado desenvolvemento das
actividades da cátedra institucional en hidroloxía médica.
Turismo de Galicia e a Universidade de Santiago levarán a cabo a través deste acordo cursos, seminarios, conferencias e outras actividades académicas que redundan na difusión, o coñecemento e a práctica da Hidroloxía Médica permitindo aos alumnos obter uns coñecementos básicos sobre as características das augas mineiro-medicinais e as súas aplicacións terapéuticas.