Turismo de Galicia pon en marcha a oitava edición do Outono Gastronómico en Turismo Rural. A iniciativa, agrupa a 106 establecementos rurais que convidan a gozar
da gastronomía galega presentando cada un deles dos menús diferentes elaborados
cos mellores produtos da tempada.
O programa ten por
obxectivo dinamizar o turismo no eido rural, promover a gastronomía galega, desenvolver
a oferta complementaria neste segmento e favorecer a desestacionalización neste
período no que a natureza de Galicia permite gozar de estadías moi singulares
enmarcadas nas contornas rurais de Galicia.
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, resaltou que o turismo rural segue a medrar en Galicia. No que vai de ano
74.971 viaxeiros escolleron Galicia como destino de turismo rural e os
establecementos rurais contabilizaron un total de 138.866 pernoitas, un 25,9% e
26,8% máis, respectivamente, que no ano anterior.
Así mesmo, “o turismo rural galego segue sendo
líder do Estado en Certificacións Q de Calidade Turística o que amosa o
compromiso deste sector coa calidade e o bo facer”, sinalou Nava Castro. En
Galicia existen 58 casas de Turismo Rural co distintivo de Calidade, o que
significa un 39,45% do total.