Galicia, reino conserveiro

Galicia produciu en 2013 preto de 294.000 toneladas de conservas e semiconservas de produtos da pesca, o marisqueo e a acuicultura, cun valor económico próximo aos 1.290 millóns de euros, o que representa máis do 85% da produción total de España. 

Estas cifras foran salientadas pola Conselleira Rosa Quintana na clausura en Vigo do II Simposio Científico Internacional para a Innovación na Industria Marina e Alimentaria, organizado pola Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Pescado e Mariscos (Anfaco-Cecopesca).
A titular do Medio Rural e do Mar animou ao sector pesqueiro e conserveiro galego a “buscar un valor engadido aos produtos do mar” tendo en conta que “as limitacións impostas á sobrepesca e a prohibición paulatina dos descartes marcarán o rumbo da actividade extractiva”.

A conselleira dixo que a tarefa de incrementar o valor engadido dos produtos do mar debe servir tanto para as especies que hoxe teñen valor comercial como para outras que poidan derivarse desa prohibición dos descartes, onde tamén terán cabida novos subprodutos que irán a parar á industria alimentaria, cosmética ou farmacéutica.


Rosa Quintana advertiu que a industria transformadora dos produtos da pesca, o marisqueo e a acuicultura ten importantes retos ante si, “pero é indubidable que o labor investigador e os resultados tecnolóxicos desa investigación e a súa aplicación á esta industria farán que afrontemos o futuro cun maior optimismo e coa máxima de permanecer sempre alertas nas tarefas investigadoras”.