O Consello da Xunta aprobou na súa reunión de hoxe o decreto polo que se regula en Galicia a venda directa dos produtos primarios desde as explotacións á persoa consumidora final. Así, os agricultores galegos poderán vender directamente unha serie de produtos primarios desde as explotacións á persoa consumidora final, respectando o establecido por esta norma.
Poderán venderse directamente, nas cantidades máximas establecidas no decreto, os seguintes produtos: mel, pole, própole, xelea real, ovos, froitas e froitos silvestres, legumes e hortalizas, cogomelos e cereais, sempre producidos na explotación da persoa vendedora (agás no caso dos cogomelos silvestres), podendo realizar a venda in situ (na propia explotación produtora), en mercados ou a establecementos de venda polo miúdo.
A venda poderana realizar directamente as persoas titulares da explotación ou parentes en primeiro grao que colaboran na actividade agraria ou en establecementos locais de venda polo miúdo ao consumidor final, sempre que a transacción sexa directamente entre o produtor e o establecemento de venda final, sen intermediarios.