Os datos da evolución do sector turístico nos meses de
verán confirman, segundo explicou o presidente da Xuta, que o comportamento turístico de
Galicia desde a Semana Santa de 2014
está “nunha liña clara de mellora”, polo tanto, dixo, “continúa a liña
ascendente de número de viaxeiros, de número de pernoitas e de ocupación dos
establecementos en Galicia”.
Feijóo precisou que, segundo a sondaxe
feita ao sector, o nivel de ocupación medio acadou o 70,6% para o conxunto dos
hoteis da Comunidade, é dicir, case catro puntos porcentuais por enriba das
cifras obtidas o pasado ano, cando a sondaxe interna arroxou unha ocupación
media do 66,7% para toda Galicia.
Nesta mesma liña, subliñou que os establecementos de tres a cinco
estrelas son os que presentan mellor valoración en termos relativos, sendo
salientable que a percepción positiva se estende a todas as categorías
hoteleiras.
Esta boa tendencia non só se confirma no nivel de ocupación, senón tamén
coa propia percepción que o sector ten da situación vivida no verán. Así, sete
de cada dez establecementos consideran que manteñen ou melloran as cifras de
ocupación respecto ao verán de 2013.