O pasado mes de setembro marcou un máximo histórico en Galicia con preto de 480 mil viaxeiros e 960 mil pernoitas no conxunto da Comunidade, rexistrándose un incremento do volume de viaxeiros aloxados nos establecementos regrados do 10,2% e do 7,6% nas pernoitas, contabilizando máis de 955 mil. Este comportamento positivo da demanda regrada sitúa os niveis deste setembro nos máis elevados dos últimos anos.
En canto aos segmentos de mercado, o mercado nacional subiu no mes de setembro un 5% mentres que o internacional creceu nun 15,5%, ambas porcentaxes referidas ás pernoitas. Ambos segmentos presentaron resultados positivos en todas as tipoloxías de aloxamento. O turismo nacional subiu un 4,4% nos aloxamentos hoteleiros mentres que nos extrahoteleiros o incremento situouse no 8,8%. Pola súa banda, o internacional presentou crecementos do 16,7% no hoteleiro e do 5,6% no extrahoteleiro.
O turismo internacional acadou neste ano máximos históricos en Galicia no mes de setembro tanto en termos de volume, con preto de 165.000 viaxeiros e 260.000 pernoitas, como de peso no conxunto da demanda, representando xa o 34,4% dos viaxeiros aloxados e o 26,9% das pernoitas.
En setembro o 87,4% da demanda turística regrada correspondeu aos establecementos hoteleiros porcentaxe que inclúe tanto aos hoteis –que representan o 69,1%- como ás pensións –co 18,3% neste caso-. O 13% restante situouse no segmento extrahoteleiro, porcentaxe que neste caso reúne aos apartamentos turísticos –que representan o 2,8% da demanda total-, aos cámpings –co 6,2%- e aos establecementos de turismo rural –que supoñen o 3,6% neste caso-.
En canto aos niveis de demanda turística neste mes de setembro, no segmento hoteleiro incrementouse nun 7,6% -porcentaxe que subiu ao 21,3% no caso das pensións- mentres que no extrahoteleiro a mellora foi do 8,1%. Neste senso, destaca o incremento rexistrado no segmento do turismo rural, con subas do 21,9% na cifra de viaxeiros e do 20,4% nas pernoitas.
En termos de ocupación observáronse incrementos xeneralizados no mes de setembro, sendo os establecementos de turismo rural os que amosaron o incremento máis acusado -de tres puntos porcentuais-. No que refírese aos primeiros nove meses do ano, o volume de viaxeiros nos aloxamentos regrados incrementouse no 6,5% - con máis de 3,3 millóns- e as pernoitas subiron un 4,4% -superando os 7 millóns-.
Neste período de nove meses o turismo nacional incrementouse nun 3%, consecuencia dun maior volume de viaxeiros españois aloxados nos establecementos regrados de Galicia –incrementáronse nun 3,6% neste caso-. O turismo internacional presentou tamén un comportamento positivo superando nun 10% o volume de pernoitas do pasado ano e subindo nun 15,2% a súa cifra de viaxeiros aloxados. Esta mellora supuxo que o mercado internacional acadase no que vai de ano máximos históricos tanto de volumes –con algo mais de 900.000 viaxeiros e 1,5 millóns de pernoitas- como de peso no conxunto da demanda –representando xa o 27,2% dos viaxeiros e o 21,6% das pernoitas totais-.
O incremento da demanda nestes nove meses produciuse en todas as tipoloxías de aloxamento consideradas. No segmento hoteleiro o crecemento situouse no 3,9% e no extrahoteleiro a suba ascendeu ao 6,7%. No turismo rural rexistrouse o incremento de maior intensidade cun 19% en relación ao pasado ano. ano.