Os viños escumosos das Rías Baixas poderán ter unha proposta
firme de nome propio e imaxe de marca para a vindeira campaña de Nadal. Así o
indicou o presidente da Deputación, Rafael Louzán, que esta mañá presidiu a
primeira reunión do xurado do concurso de ideas convocado pola Administración
provincial e o Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas para
este fin.
Na xornada de hoxe, os membros do xurado procederon a abrir as 126 propostas recibidas
(outras 2 foron rexeitadas por terse presentado fóra de prazo) e a facer unha
primeira valoración e selección, para nos próximos días elixir ao gañador do
concurso, de forma que, a partir deste mesmo ano ou de 2015 “a Denominación de
Orixe terá xa un nome para estes espumosos”.
O titular da Deputación destacou o elevado número de
propostas recibidas que, segundo indicou, deixou “impresionados” aos membros do
xurado que agora se encargarán de dilucidar cal é a máis axeitada para a
comercialización dos viños escumosos galegos. Lembramos que Adegas Galegas, con Pepe Rodríguez ao fronte -hoxe propiedade de Martín Códas- bautizou ao escumoso Brinde, elaborado en Valdeorras, como cova galego, que ven a significar o mesmo que cava pero na nosa lingua. Ao mellor non facían falta tantas alforxas.