A capela real do compostelán Hostal dos Reis Católicos
acolleu a celebración do XXV aniversario de catro dos consellos reguladores
galegos de produtos de calidade con máis recoñecemento e proxección dentro e
fóra das nosas fronteiras: a Denominación de Orixe Protexida Arzúa-Ulloa e as
Indicacións Xeográficas Protexidas Mel de Galicia, Pataca de Galicia e Ternera
Gallega. Presidido polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e respaldado
por numerosos representantes dos sectores involucrados, o acto reuniu a máis de
250 persoas cun obxectivo común: conmemorar este primeiro cuarto de século
facendo un balance positivo da súa traxectoria e apostando decididamente polo futuro,
no que teñen o cometido de poñer en valor e dignificar as producións de calidade
e servir de motor para o desenvolvemento socioeconómico do agro galego.
Unha actuación musical a cargo do coro de cámara Orfeón
Terra A Nosa abriu a gala dando paso á proxección da peza audiovisual “25 anos
con Denominación”, un vídeo que percorreu a historia que fixo e fai posible a
existencia destes catro consellos reguladores, os fitos máis significativos, os
momentos e contextos clave na súa evolución, o paso cara a economías e mercados
globais e a necesaria adaptación e modernización tecnolóxica que permitiu
constituílos en referentes indiscutibles da produción agraria galega de
calidade desde todas as perspectivas e chanzos da cadea de valor. Produtores,
industrias, distribuidores e consumidores identifícanse hoxe en día con este
saber facer de calidade, embaixador da marca Galicia en todo o mundo.