Galicia e Xapón máis xuntos

Esta semana Galicia e Xapón dan un paso máis na súa colaboración en materia turística e cultural coa xuntanza que mantiveron na Prefectura de Kagawa, na Illa de Shikoku, a directora de Promoción de Turismo de Galicia, Carmen Pita, e o responsable do departamento de Asuntos Exteriores do órgano administrativo xaponés, Jun Hajiro, ao obxecto de coñecer o proceso de creación, desenvolvemento e consolidación da promoción do Camiño de Santiago.

Na actualidade, a Illa de Shikoku pretende desenvolver unha ruta de peregrinación que se estende polas catro prefecturas que compoñen este territorio –a propia Kagawa, Tokushima, Ehine e Kochi- e teñen como modelo de éxito o Camiño de Santiago.


Nesta xuntanza, a directora de Promoción de Turismo de Galicia explicoulle ao representante da Prefectura de Kagawa e ao seu equipo de colaboradores o proceso seguido pola Xunta de Galicia e a Administración do Estado para a declaración do Camiño de Santiago como Patrimonio da Humanidade e como Primeiro Itinerario Cultural Europeo.