O Consello da Xunta aprobou a declaración de festa de
interese turístico de Galicia para a Festa do Botelo do Barco de Valdeorras, o
Entroido de Maceda e o Belén Electrónico de Begonte.
A Festa do Botelo celébrase de modo interrompido desde o ano
2001, e conta coa singularidade de ser, na actualidade, unha das poucas que se
celebra en Galicia para honrar este singular embutido, típico e xenuíno da
comarca de Valdeorras. Esta festa reúne cada ano máis de novecentas persoas nun
xantar colectivo no cal se pode degustar o botelo acompañado de cachelos con
repolo e chourizos, con viño tinto do Barco, así como a sobremesa de torta de
roxóns.
En relación ao Entroido de Maceda non se ten clara a súa
orixe, aínda que se ten constancia documental e fotográfica dun traxe do ano
1890, e na actualidade celébrase de xeito interrompido desde o ano 1997. Este
Entroido é diferente do resto dos entroidos pola forte personalidade do seu
protagonista “O Felo”, non só pola súa vestimenta e máscara, senón polo seu
comportamento, posto que é a autoridade nestas datas.
Pola súa parte, a festa do Belén electrónico de Begonte
celébrase de modo ininterrompido desde o ano 1972, e a súa singularidade vén
determinada polo mesmo feito de realizar un Belén con pezas artesanais e mecanismos
electrónicos para o seu movemento que serviu de inspiración a outras
iniciativas similares. O valor cultural maniféstase nas múltiples actividades
de carácter cultural que complementan a actividade. Este evento converte a
Begonte nun lugar de visita imprescindible no Nadal.