Melloras para a mellora do control da cadea alimentaria

O Consello da Xunta aprobou na súa reunión de hoxe o decreto que establece a nova estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e do Mar. A través del a Xunta reestrutura este departamento para, entre outros obxectivos, optimizar a xestión en todo o relacionado coa cadea alimentaria. Coa nova estrutura a Subdirección Xeral de Industrias e Calidade Agroalimentaria, que ata agora pertence á Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes, pasa a formar parte da Dirección Xeral de Produción Agropecuaria. Deste xeito, estará baixo a mesma dirección xeral todo o relativo á cadea alimentaria, que vai dende a produción agrícola e gandeira ata a transformación das materias primas agrarias e a súa comercialización.


Ademais, a través deste decreto, créase o Servizo do Sector Lácteo, que se constitúe no Fondo Galego de Garantía Agraria (FOGGA), a partir da fusión dun servizo existente na Dirección Xeral de Produción Agropecuaria (Servizo de Coordinación e Seguimento) e do servizo de intervención de mercados do FOGGA. Ao Servizo do Sector Lácteo correspóndelle, entre outros aspectos, a análise e seguimento das problemáticas do sector lácteo e dos prezos do leite e a implementación da xestión técnico-económica nas explotacións leiteiras para análise dos custos de produción. Ademais, as competencias do observatorio lácteo pasan a este servizo.