O futuro do
sector lácteo galego pasa pola sinatura de contratos de como mínimo 12 meses,
nos que o prezo estea referenciado a algún indicador de mercado. Tamén, porque
as organizacións de produtores aproveiten as potencialidades que lles outorga o
paquete lácteo, negociación colectiva dos contratos de leite entre produtores e
compradores e pola mellora na xestión técnico-económica das explotacións,
incrementando a base territorial e mellorando a súa eficiencia enerxética. Así o
defendeu a directora xeral
de Produción Agropecuaria, Patricia Ulloa, durante a súa participación na
xornada O sector lácteo cara un futuro sen cotas.
A directora xeral repasou os problemas actuais do sector, que se
centran ao seu xuízo na volatilidade do prezo do leite, na curta duración dos
contratos, na elevada porcentaxe de contratos con prezo fixo, na escasa
funcionalidade das organizacións de produtores lácteos (OPL) e na reducida
marxe de ganancias no sector produtor.
Patricia Ulloa iniciou a súa intervención facendo unha reflexión sobre
a relevancia de Galicia na produción de leite de vaca a nivel estatal. Neste
sentido, lembrou que a nosa Comunidade aporta o 56 % dos produtores con cota
dispoñible, o 40 % das vacas leiteiras e o 39 % das entregas de leite.
Tamén
salientou o incremento das entregas de leite en Galicia na serie histórica e
nos últimos meses. Así, destacou que na nosa Comunidade o pasado mes de agosto de
2014 o incremento respecto ao mesmo mes do ano anterior chegou aos 11,2 millóns
de quilos. Nese mes de agosto o peso do incremento de Galicia respecto do total
nacional representa actualmente o 37,7 % do incremento do leite a nivel
nacional.