Turismo de Galicia impartiu en Arxentina unha conferencia
maxistral na xornada sobre sendeiros de longo percorrido en dito país,
organizada polo Ministerio de Turismo de Arxentina. O evento realizouse na
cidade de Bariloche no corazón da Pegada Andina, primeiro sendeiro de longo
percorrido de Arxentina que une cinco Parques Nacionais ao longo de case 600 quilómetros,
ao pe da cordilleira dos Andes, entre bosques andinos e lagos glaciarios.
A disertación de Turismo de Galicia, impartida polo equipo
técnico do Xacobeo, foi recibida con gran entusiasmo e atención polo numeroso
público presente e abordou aspectos conceptuais, técnicos e operativos da xestión
do Camiño de Santiago. Arxentina
traballa actualmente no deseño e posta a punto dun conxunto de sendeiros de
longo recorrido de media e baixa dificultade para promover camiñando os valores
patrimoniais naturais e culturais máis destacados da súa xeografía.
A subsecretaria de Desenvolvemento turístico do Ministerio
de Turismo do país, Valeria Pellizza, destacou na apertura da xornada que
“estamos iniciando un vínculo moi enriquecedor con Turismo de Galicia”. Así
mesmo, engadiu que “temos moito que aprender do equipo técnico do Xacobeo”.