Pepe Vieira xestionará o restaurante do Museo de Pontevedra

Xosé T. Cannas
Pepe Vieira S.L., empresa dos irmáns Xosé e Xoan Cannas, será a encargada da explotación do restaurante e a cafetería do Museo de Pontevedra, despois de gañar o concurso posto en marcha pola Deputación de Pontevedra para a xestión destes espazos.

A proposta dos irmáns Cannas, que contan cunha estrela Michelín no seu restaurante dende o ano 2008, inclúe prevé o aproveitamento da planta baixa  do Sarmiento e da terraza exterior para crear varios espazos e ambientes diferenciados. Todos eles terán unha oferta gastronómica centrada en dous eixes fundamentais: a gastronomía local e a vinculación co Museo por medio de menús temáticos.

Trátase, segundo se recolle na propia memoria, “de crear un espazo dinamizador do propio Museo, pero tamén da vida social e cultural da cidade de Pontevedra, de modo que sexa un polo de atracción de visitantes e turismo culinario de ámbito galego e nacional”.


A xestión e explotación destes espazos será unha concesión demanial, cunha duración inicial de cinco anos, prorrogable por outros cinco. Neste tempo, a empresa concesionaria comprométese a abonar á Deputación de Pontevedra o 15% beneficios obtidos, en concepto de canon. En ningún caso esta achega poderá baixar dos 10.909,50€/anuais.