Aumenta o gasto dos turistas no mes de outubro

O gasto dos turistas internacionais superou en Galicia os 104 millóns de euros no mes de outubro, o que supón un aumento do 22,6% con respecto ao mesmo mes de 2013, segundo as cifras proporcionadas hoxe pola enquisa de gasto turístico Egatur elaborada polo Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.

Nos dez primeiros meses do ano, os turistas internacionais gastaron na nosa comunidade 799.661.792 euros, o que supón un 20% máis que no mesmo período do ano 2013. Segundo estes datos, o gasto total do turismo internacional en Galicia experimentou un crecemento continuado desde o mes de maio, manténdose, por tanto, unha tendencia positiva neste 2014.

O gasto medio por turista, nos dez primeiros meses do ano, foi de 868,59 euros. Mentres que no mes de outubro a cifra ascende a 971,28 euros, un 8,1% máis que no mesmo mes do ano 2013.


Francia, Portugal e Reino Unido son, por esta orde, os países que xeraron un maior gasto total en Galicia nestes primeiros dez meses de 2014, supoñendo o 18%, 13% e 12% do total, respectivamente. En termos de variación, os países que presentan un crecemento máis intenso do gasto en Galicia son, por esta orde, Bélxica, os países nórdicos e Italia –con incrementos similares ou superiores ao 90% en relación ao pasado ano-.