Contratos de longa duración para o sector lácteo

O futuro do sector lácteo galego pasa, entre outras cuestións, por minimizar os efectos dunha posible taxa  láctea e pola sinatura de contratos de como mínimo 12 meses, nos que o prezo estea referenciado a algún indicador de mercado. Tamén, porque as organizacións de produtores aproveiten as potencialidades que lles outorga o paquete lácteo, negociación colectiva dos contratos de leite entre produtores e compradores, e pola mellora na xestión técnico-económica das explotacións, incrementando a base territorial e mellorando a súa eficiencia enerxética. Así o destacou a directora xeral de Produción Agropecuaria, Patricia Ulloa, durante a súa participación na xornada O sector lácteo galego cara un futuro sen cotas.

 Ademais Patricia Ulloa destacou o importante papel que Galicia ten na produción de leite de vaca a nivel estatal. Neste sentido, lembrou que a nosa Comunidade aporta o 56 % dos produtores con cota dispoñible, o 40 % das vacas leiteiras e o 39 % das entregas de leite.

Por outra banda, salientou que se ten producido un incremento das entregas de leite en Galicia na serie histórica e nos últimos meses. Así, destacou que na nosa Comunidade o pasado mes de agosto de 2014 o incremento respecto ao mesmo mes do ano anterior chegou aos 11,2 millóns de quilos. Ademais, nese mes, Galicia rexistrou o 37,7% do incremento do total do leite a nivel nacional.