O xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, e a
directora de Promoción de Turismo de Galicia, Carmen Pita, mantiveron esta mañá
unha xuntanza co secretario xeral da organización sen ánimo de lucro
‘Peregrinación, Henro de Shikoku e a súa rede de hospitalidade’ e outros
representantes da Illa de Shikoku. No encontro estivo presente tamén Nelson
Honjo, dirixente da Asociación de Amigos do Camiño de Sao Paulo (Brasil).
O obxectivo da reunión é afondar na relación turística e cultural
establecida entre Galicia e Xapón en torno as vías de peregrinación.
A Illa de Shikoku está a desenvolver unha ruta de peregrinación, Shikoku
Henro, que se estende polas catro prefecturas que compoñen este territorio –a
propia Kagawa, Tokushima, Ehine e Kochi- e están a estudar, como modelo de
éxito, o Camiño de Santiago.
Neste senso, Turismo de Galicia mantén contactos continuados con
representantes de Shikoku co obxectivo de asesorar e colaborar na consolidación
desta ruta de peregrinación, como xa fixo anteriormente co Camino Kumano co cal
o Camiño de Santiago mantén un irmandamento dende 1998 a través do cal
establécense estreitos lazos entre Galicia e a Prefectura de Wakayama.