Turismo de Galicia asinou un convenio de
colaboración con Gadisa no marco da conmemoración do VIII Centenario de San
Francisco de Asís a Santiago de Compostela que Galicia celebra ata mediados do
próximo ano 2015.
Deste xeito, a compañía de distribución galega contribuirá a fomentar o
recoñecemento nacional e internacional do Camiño de Santiago a través do seu
programa de Responsabilidade Social Corporativa que recolle accións de
cooperación con iniciativas que se desenvolven na nosa comunidade.
A través da firma deste acordo, ratificado pola directora de Turismo de
Galicia, Nava Castro, e o presidente-conselleiro delegado de Gadisa, Roberto
Tojeiro, a compañía cooperará en promover a tradición peregrina de Galicia
dentro e fora da comunidade e, deste xeito, contribuirá tamén a dinamización
turística de Galicia.
O Camiño de Santiago está a experimentar un
espectacular crecemento, tanto no número de peregrinos como no seu
redimensionamento como fenómeno que supera o ámbito nacional. No pasado ano
Santiago de Compostela recibiu 215.880 peregrinos, segundo os rexistros
elaborados pola oficina de acollida ao peregrino, e este ano esta cifra estase
a incrementar en máis dun 10%. No que vai de ano, mais de 234 mil peregrinos xa
recibiron a Compostela e deles mais da metade son estranxeiros.
A compañía de distribución, que desenvolve unha importante actividade
económica en Galicia a través dos seus centros situados nela, recoñece así a
importancia do VIII Centenario da peregrinación de San Francisco de Asís a
Compostela e o seu desexo en colaborar na súa realización, promoción e
difusión.